Os videoxogos.
«Tu padre es un bruto, hizo un agujero en su propia casa para matar a los marcianos».
Esta clara e contundente frase foi o meu primeirísimo contacto co mundo da tecnoloxía (máis alá da tele, claro está). Corría o ano 82 (se non lembro mal) cando miña nai aparecei na casa á tardiña cun regalo para meu pai: un ZX Spectrum 48k. Como eran horas de que a nena fose para a cama, eu só vin o proceso de apertura e o inicio da montaxe. Non sabía nin que era iso. Á mañá seguinte cando abrín os ollos e preguntei polo novo cacharro (ordenador aínda non era un termo común), miña nai soltoume esa frase que me deixou descolocada un bo anaco. Logo tentou explicarmo e cagouna máis: vinme inmersa nunha sorte de realidade paralela incomprensible na que meu pai tiraba o teito da casa para matar marcianos (e viña de ver Gremlins e de pasar medo con ela, así que imaxinade en que cacao mental estaba eu nese momento). Un almorzo e un par de explicacións despois comprendín que aquilo era un cacharriño para xogar na tele. GUAU! O das pelis xa fora impactante, pero xogar na tele… iso era moito!
O Spectum empezou sendo cousa de adultos pero… cun pai que me contaba a das Termópilas para durmir… agardabades que eu ía quedar sen argallar co xoguete novo? Nin por asomo. Alí botabamos unhas partidas de Espeis Invaders que era moito (e por fin comprendín o de romper o teito da casa). Despois fómonos facendo cunha colección de xogos interesante: os de Horace, que mataba arañas, ía esquiar e tamén pasaba unha fame de carai (este último poñíame especialmente nerviosa); o Atic Atac, que era o que máis me gustaba e para o que pintaba unhs mapas en follas e follas e follas de libreta e nunca acababa (de feito nunca o acabei); o Bugaboo, no que tiñas que sacar unha pulga dun furado tremendísimo no que caera; o Harrier, que tamén me gustaba moito porque pilotabas un avión (nin máis nin menos!); e moitos máis. Co tempo tamén fixen os meus piniños como «programadora» facendo monadas co Logo ou directamente copiando programas do manual de Basic que viña de regalo co cacharro (fixera un xogo cunha plataforma no que unha libra esquivaba unha almofadiña para poder chegar ao tesouro final que era un tanto por cento que era unha marabilla, sentinme a máis profesional do mundo!).
E ollo, que co Spectrum fixemos virgalladas: meu pai collera o vídeo da voda de meu tío e fixéralle uns títulos fantabulosos, con cores que parpadeaban, cabeceiras e de todo. E todo iso na nosa casa! En 5 anos estabamos mandando un cohete á lúa, mínimo! Co tempo, sen embargo, o Spectrun foi ficando só para xogos meus.
E así foi ata que, cursando eu segundo de BUP (ou terceiro?, penso que segundo), déuseme por coller Informática de EATP e precisei «algo» no que practicar aquel DOS tan misterioso que empezabamos a estudar e que me custaba tantísimo asimilar. Deste xeito, fomos todos cheos de ignorancia á tenda de IBM de Lugo e pedimos un «ordenador con disco duro» referíndonos a que queríamos un con disqueteira de 3.5. E así foi como apareceu na casa o IBM PS2 que tantos anos durou e me axudou a comprender o dichoso DOS. Anos despois cambiámolo por un ordenador clónico (daquela chamabamos así aos que facías por pezas e non comprabas feitos) cun procesador Pentium MMX2 que foi toda unha revolución: pasamos de xogar ao solitario e o buscaminas a poder xogar aos xogos de Lucasarts! Aí abriuse o mundo e foi onde me enganchei de mala maneira ás aventuras gráficas. Traficabamos no instituto co Monkey Island, co Indiana Jones, co Día do Tentáculo… e tardabamos meses e meses e meses en resolvelos! E nos recreos tomabamos o café discutindo sobre se lle había que dar ao mono 3 plátanos ou 4 antes de que fose tras túa para coller o remo do fondo da fenda e… Uns debatísimos enormes.
Cando acabei COU e comecei a carreira pasei uns anos de sequía, pois o ordenador estaba en casa de meus pais e eu vivía fóra, así que só tiña acceso as fins de semana, que é cando aproveitaba para pasar os apuntes a limpo (si, eu éravos así de mandadiña, e aínda conservo todos eses apuntes limpiños e impolutos), así que pouco tempo me quedaba para xogar… pero algo xogaba, porque nesa época arramplei con todos os Simon e algún que outro máis. Pasou a carreira, pasou a mudanza Lugo-Santiago, licencieime e, tras pasar media noite en busca dun cíber por todo Compostela para ver un correo con material didáctico que me mandara meu pai para facer un traballo, decidín que era hora de ter un ordenador de meu. E mercamos un. Non recordo ningunha característica, agás que a caixa era chanantísima, prateada e co frontal de metacrilato e pesaba que nin o demo. Aínda hai ben pouco que a «xubilei» e a empregamos para lle montar un pc novo a meu pai. Con aquel PC tamén tirei moitos anos. Nel escribín o meu TIT e, como premio por telo acabado, xoguei todo o día seguinte non-stop ao Bloodrayne 1.
Ven vedes que a miña historia coa informática vai ligada necesaria e intransferiblemente aos videoxogos, porque é que era moito: podías vivir outras vidas, e como ler, ver pelis e os libros de «Elixe a túa propia aventura» non me chegaban… pois veña videoxogos! E sigo eh, e sigo, que os videoxogos tamén siguen aí, tentando cada día con máis aventuras e máis vidas por vivir.
Hai quen di que é vicio, e razón non lle falta, pero como di o meu amigo Javi: «peor sería que bebera, fumara e tomara drogas» (e dende que existe internet pouco pago polos xogos, malia que á Sinde lle pique).
P.S.: obviamente, escribo isto inspirada por levar dous días pechadiña na XGN rodeada de ordenadores e xente xogando
.
Retrospectr (cousas de antes vistas dende agora). Hoxe: a tele, ese trasto máxico.
Si, estou copiando ao descaro a cabeceira da Hora Chanante (chanante!), pero é que é moi boa, así que non é unha copia, senon unha homenaxe (por moito que rosme a Sinde).
Esta serie de entradas «Retrospectr» van ir, como di o «títalo» de cousas de antes miradas dende a experiencia de hoxe. Pode que saia cousa boa ou pode que saia unha cousa rara, pero o que teña que saír, sairá.
Hoxe tócalle á tele.
Como di o Reno Renardo, «yo crecí en los ochenta (y sobreviví)». Pero tal cual. Vivín os anos 78 e 79 na máis absoluta inopia, por iso de que estaba recén nacida, coma quen di. No 82 xa comecei a adquirir un pouquechiño de conciencia, nese feliz ano no que vivimos… O MUNDIAL! Non recordo se antes miraba a tele ou non, pero aquel ano… aquel ano abriume os ollos: na sala había un cacharro (sen mando) no que botaban diario unha cousa que eu non sabía o que era. Á fin resultou que era fútbol, pero tamén pasaba que entre partido e partido botaban a serie aquela infame de Naranjito (o de infame dígoo agora, daquela gustábame a rabiar) e adquirín consciencia de que aquel trebello valía para ver cousas e entreterse. Comecei, como digo, coa laranxa futboleira, pero logo fun engadindo delicatessen ao menú: a hora de Tex Avery (así quedamos algúns), o Coyote e o Correcaminos, a Pantera Rosa e o Oso Hormiguero (que si, que tiñan un show xuntos estes dous), Scooby Doo, Pumuki, Sherlock Holmes, Willy Fog, etc. pero, sobre todo, Dragones y Mazmorras. E aínda por riba déuseme por ler (si, antes os cativos liamos e tal) contos populares rusos, azerbaidjanos, españois e suecos (aínda teño os libros, palabrita), onde había máis bicho raro, príncipe, princesa encantada, tragaldabas, formigas máxicas, bruxas, casas ambulantes con patas de galiña, raposos dun porrón de colas… e claro, dalí non había saír algo cos pes na terra, iso de seguro.
Cando fun un pouco maior (eu que sei, cinco ou seis anos, antes eras maior máis pronto) xa me pasei ó duro: as películas. As máis suaves, de debuxos, eran os especiais da Warner, Bambi, El vuelo de los Dragones («le llamé Golpesás porque lo gané en una pelea donde había muchos golpes que hisieron Sás!», esa GRAN frase é de aí, pero hai que dicir que a BSO é de DonMclean e só por iso xa paga a pena), e algunha que outra máis que non recordo. Pero o que si recordo é cando me pasei (me pasaron) ao duro duro: as pelis históricas. Aí a culpa foi toda de meu pai, e non o pode negar. Xa me metera o vicio cando, ás noites, nalgunha ocasión na que o «papiiii cuéntame un cuento» xa acabara coas reservas imaxinativas e literarias da casa, o home tiraba de memoria e contábame a Batalla das Termópilas, a lenda de Ícaro, a do Minotauro ou as faceduras e desfaceduras do tapiz de Penélope mentres agardaba polo home que fora á guerra e si te he visto no me acuerdo, pero ela era teimuda e alí esperaba. Cando xa fun maior e o conto non me chegaba meteume as pelis en vea e poñiamonos xuntos a ver magnas obras como Quo Vadis, Espartaco, Ben-Hur, Os dez mandamentos, A historia máis grande xamáis contada e moitas máis. Eu aí xa andaba coa epicidade dun subido tremendo e, cando había balbordo na rúa e non podía durmir, chamaba por meu pai e mandáballe que arrincara unha farola e lles dera na cabeza aos que metían ruído. E estaba convencida de que podía (e de que debía) facelo.
Nalgún momento (creo que polo 84) houbo un intento normalizador da miña cultura fílmica e poñíanse pelis (tiñamos un VHS, un luxazo!) máis actuais e comerciais: A historia interminable (que me gustou moito), Star Wars (que me causou máis dun lío co «Retorno do Yeti» porque eu non via ao Yeti por ningunha parte, e máis dun medo cos traficantes de androides), Os Gremlins (que me deron un medazo terrible, e despois andaba con pesadelos, ata lle reñín ao do videoclube por alugarlle «iso» a meus pais)… pero as miñas «prefes» eran as de Indiana Jones. Aquilo de dicir «kaaaliiiimaaaa» e arrincarlle o corazón do peito a alguén sen deixar marca era a-lu-ci-nan-te. Xogabamos a Indy no patio do cole, tirándonos na area coma se caeramos nuha trampa e correndo escalerias abaixo escapando dunha pedra xigante rodante imaxinaria. Moitos xeonllos pelamos co conto… Algún día vos contarei o que me pasou cando botaron Superman na tele e se nos deu por xogar «a voar» dende as maceteiras da entrada do cole.
E despois estaban as pelis «da tele», esas que tiñan (ou non) uns rombiños na esquina. Canto máis rombo, máis gana había de vela, e máis che mandaban para a cama a durmir. Nas dun rombo saía xente bicándose. Nas de dous… buff, debían ensinar o xeonllo polo menos! Ou matar xente, que nas de matar tamén poñían rombo.
E mirado dende agora… eu vin crucifixións, asasinatos, monstros xigantes, bichos que se reproducían e se volvían malos se se mollaban (outro motivo máis para non ducharse) por «recomendación» paterna, pero o estado (ou a sociedade, que daquela mandaba máis a xente que o goberno) poñía reparos porque viras a xente dándose o filete na tele… que raio de criterio educativo había? Eran todos un pouco Beatniks, como os pais de Flanders, pero aínda non saímos mal de todo. Algún hai que ficou atrapado polo trasto máxico, pero outros vímolo como o que era, algo que podiamos manexar ao noso antollo e mandarlle reproducir o que nos dera a gana (chego a saber entón que ían existir as pelis baixadas de internet e dáme un pasmo). E o máis importante: cando estabamos xuntos a caterva de curmáns ou había consenso ou non se vía a tele. Alí funcionaba o comunismo máis simple e igualitario do mundo. E todos viamos Magnum, porque si.
Absurdo.
Esta noite soñei que estaban Denzel Washington, Morgan Freeman e Snoop Dog comendo pizza xuntos nunha mesa. Cando xa estaban rematando dicía Morgan Freeman:
- Así ben ou pedimos outra?
Contestaba Denzel:
- Snoopendo!
E escachaban todos da risa.
E espertei porque tanto absurdo xunto non se podía aturar.
Hei voltar, raparigo.
Tras dous anos e pico de silencio, volvo. Un día deume preguiza escribir e aí ficou o conto; sonvos moito de impulsos, eu.
O caso é que agora hai xa moitos días que me petan as verbas na cachola pola noite e non me deixan durmir ben. Frases soltas perfectamente construídas que agardan unha historia que as rodee. Curtiña, que eu non son de botar rollos.
E xa que recortan por aí, vou eu estirar por acó, a ver se vai unha cousa pola outra.
Fe
O problema de ser unha descrida radica neses momentos nos que precisas dunha fe que dea consolo aos teus desexos e, ao erguer a vista, onde debera haber un deus non atopas máis cao o aire lévedo que exala a esperanza
Miedo a sonreir
En el largo y ventoso camino todos necesitamos una curva con hierba bajo la sombra de algún árbol en la que reposar un instante nuestros agotados corazones. Es un rincón solitario, con hierba húmeda que provoca una agradable sensación de incomididad mientras miramos las estrellas descoloridas por el brillo de la luna. A veces, vemos alejarse a alguien por el camino, o acercarse, o descansar al otro lado. Muy pocas ya hay alguien sentado. Aún menos ese alguien nos ofrece un sitio para descansar y menos aún nos regala una sonrisa. Esa sonrisa da miedo porque puede atraparnos para siempre en esa curva, mientras vemos la fina arena del camino brillar bajo la luna. Aún así no debemos tener miedo de devolver la sonrisa. El riesgo de reflejo merece la pena.
Hai días…
nos que non podes máis. Nos que unha longa crise semella chegar ao seu fin e resulta que ven alguén ou algo que dunha labazada che bota por terra todo canto traballo de crecemento persoal fixeras. E non dis que lle falte razón, só que non di as cousas nin no tempo nin do modo axeitados. Ou hai quen non as di, cousa que tamén molesta o seu cando agardas dunha persoa tanta sinceridade e confianza como ti depositaches nela. Pero ben, a xente é así, e por moito que un se esforce en ser sinceiro, amable, cercano, ás veces non pode máis e estala. Estalan os mais agoniados por unha situación socioafectiva e económica apurada e estala un porque a maiores de todo iso ten un futuro que construír cunhas mans baleiras que só é quen de encher de area e ilusións. Ás veces semella que un nesta vida non fai máis que molestar, aínda que se esforce por facer o mellor e ser o mellor posible, aínda que procure non decaer cando as cousas non van ben. E todo isto non é máis que o resultado dun agochamento, dunha incomunicación obstinada e, polo que se ve, incurable. Houbo un tempo no que eu critiquei a certas persoas que se pechaban en si mesmas, aillándose do mundo durante un período de tempo. Aínda coido que esas persoas non tiñan motivo algún para facelo, pero si entendo esa necesidade de aillamento. Hai pouco tomeime uns días de distanciamento total da xente para ordear a miña vida. Agora acaban de me derrubar todo o traballo feito, devastando vontade e botando sal no campo da confianza. Síntovolo pero métome no meu mundo. Sairei cando o crea conveniente e para quen o crea axeitado. Chamar só conseguirá que me alonxe máis da porta.
Tanto…
tempo sen escribir que xa case perdín a costume (o costume? nunca me afago a estas indecisións xenéricas galegoides. Optarei, como «Eu quen son», por un neutro «e costume» e acabouse … -pois iso-) e costume de facelo.
Ao caso, que hoxe veño sorprendida de a ónde me levou a vida. Non fisicamente, senón conversacionalmente. Por veces, todo adolescente soña con que a súa vida se asemelle o máis posible (síntoo, aborrezo a forma en -bél) a unha serie de televisión. E, chéganche os 31, comezas a facer rotas colesteroleiras coas amigas e a ter conversacións «de mulleres», «de adultos» e «de traballadores» sobre as cousas máis insospeitadas… como as canas en lugares remotos, por exemplo, ou as tribos de indonesia. E decátaste de que, se cadra, todo iso podería constituír un guión para unha teleserie -exitosa ou non-, pero teleserie. E de que a humanidade é algo máis que falar con X ou Z, é… (son) afectos. Nada da monada esa de It’s a cruel world, pero si é precisa a cercanía a outras persoas. É de todo punto mundano e insano vivir aillado do social, en maior ou menor medida. Chegada a esta idade doume conta de que o de homo homini lupus é certo só en parte e de que o agarimo é un ben primario. Se cadra é cousa da galegidade e da mullerez. Bah, tanto me ten. É así. E non o trocaría por nada.
O outro día…
… deume a arroutada e entrei nunha casa que vin coa porta aberta. Era feísima! Máis hortera imposíbel. E -non o perdades- tiñan caña escondida debaixo da mesa camiña.Parei aínda un bo pedazo por alí e acordeime do conto aquel da nena que se metía na casa dos osos a remexer todo e dixen «cagonabicha, que mala educación». Así que saquei tres pratos, fixen sopa, comina e deixei todo sen fregar enriba da mesa da cociña. Despois remexín as camas -durísimos os colchóns- e abrín as billas todas. Cando me aburrín de ver que non aparecía ninguén deixei unha notiña na entrada que dicía «teñen todo moi remexido, esta casa dá noxo». E marchei tan campante.
Perdinme…
…nun ollar tan fondo que daba medo, e soñei con te abrazar con verbas imposíbeis que saían das miñas veas. Sen dor, voando, mentres o aire quecía para ferver desgrazas que ollabamos con estrañeza. E os deuses desexaban existir.